O señor Méndez Romeu fixo público e oralmente o soño gobernamental autonómico de dúas áreas metropolitanas para Galicia. Unha, ao Norte, correspóndese, ao meu xuízo, coa realidade e resulta atractiva. Naturalmente só podería concretarse en feitos administrativos se se siguen as bases do glorioso proxecto de Cidade das Rías deseñado polo arquitecto Fernández-Albalat hai moitos anos e que ben podería levar o nome de Artabria. O segundo, pola súa arbitrariedade, fainos acordantes dos caprichos de Javier de Burgos cando as provincias españolas, a excepción das vascas, se trazaron sobre o mapa sen ter en conta o realmente existente. Vigo e Pontevedra non poden ser dúas cabezas dunha soa entidade metropolitana. O hinterland de Vigo xa fora pensado en termos prácticos por Paz Andrade e Castelao e faise preciso recuperar aquela aspiración precisamente nacionalista. No proxecto contra-natura e anti-histórico de Méndez Romeu desvirtúase a función estructurante de Pontevedra a respecto da Terra de Montes e do Morrazo. Este, o Morrazo, atribúese á área de Vigo cando hai por medio unha ría que non une senón que separa e debe seguir sanamente separando: os intereses inmobiliarios semellan inspirar esta disparatada adscripción do Morrazo a Vigo. Logo virán as peticións de novas pontes sobre a ría para servizo dos intereses especuladores do tixolo. Vigo é un centro económico de Galicia, e tamén un centro cultural aínda que non o pareza. Así o vían Castelao e Paz Andrade e o vemos moitos. E os límites históricos, sociolóxicos, antropolóxicos, culturais, xeográficos, do hinterland de Vigo son estes, que veñen constituíndose co traballo de todos desde a noite dos tempos.
Vigo hinterland: Turonio
Polo Norte, a ría e o Suído. Polo Sul, o río Miño e Portugal. Polo Leste, os montes da Fontefría e a Paradanta. Polo Oeste, o Océano e, ao lonxe, Nova Inglaterra e Nova York. As montañas, o mar e o maior río de Galicia marcan moito ben este territorio que xa se reconocía como tal na Idade Media co nome de Terra de Turonio. E hoxe todo observador sabe que a cultura tradicional e mesmo a dialectoloxía dos vales Miñor e do Fragoso, así como do Condado e Baixo Miño teñen tanto en común que constitúen unha entidade socioantropolóxica e, desde logo, económica. O proxecto de Méndez Romeu desvirtúa as funcionalidades natas así de Pontevedra como de Vigo. Nel, a área de Vigo non se inclina, como debería, a Portugal. Porque a vida económica e cultural de Vigo debe ser pensada en termos contemporáneos como participante na vida económica e cultural do Norte de Portugal e formando un eixo necesario coa cidade e área económica da cidade do porto e a provincia do Minho. O mal soño de Méndez Romeu valora os intereses especulativos que teñen postos os olllos no lucro inmediato que lle proporcionará aos constructores o Morrazo. Pero vóltalle as costas á vocación ultramiñota de Vigo. Sobre o río Miño si que hai que construir pontes; tantas, dito na frase máis brillante de Camilo Nogueira, como en París sobre o Sena. O plan Méndez Romeu desvirtúas Pontevedra e ignora a realidade de Vigo; perxudicaría, en definitiva, non só as dúas cidades senón o desenvolvemento de Galicia.
X. L. Méndez Ferrín
This entry was posted in Sen clasificar. Bookmark the permalink.


