Evidenciaron os resultados das eleccións municipais do 27 de maio o dinamismo e a vivacidade, como tamén un cúmulo de contradicións na área metropolitana e na cidade de Vigo.
O cambio sociolóxico, os movementos de poboación e a toma de conciencia contra a corrupción e a especulación urbanísticas deron lugar a mudanzas políticas de importancia nas vilas máis próximas a Vigo, mentres o cambio non chegaba coa mesma intensidade aos municipios máis lonxanos, aqueles da beira do Miño, agás Salceda e A Guarda, nin a propia cidade rachaba claramente co pasado.
Vigo non conseguiu aínda dotarse dun goberno municipal capaz de propoñer un proxecto serio de cidade, desta que é a capital industrial de Galicia. Aquí funciona o liberalismo capitalista, a cidade vaise facendo a saltos, sen estratexias fundadas, ás arroutadas. Tampouco hai un compromiso claro e decidido dos sectores máis ilustrados, do mundo da cultura, dos colectivos profesionais. O PXOM, que tanto ruído produce nos medios de comunicación, a penas merece un comentario por parte destes sectores; e cando un grupo de economistas, sociólogos, xeógrafos elaboran un Plan Estratéxico, éste queda achantado no caixón dunha mesa de despacho. Os dirixentes sindicais fan seguidismo da patronal e á patronal o único que lle interesa é a loxística e as infraestruturas, mesmo que elas sexan lesivas para o entorno natural, para o medio ambiente e para a propia vida das persoas.
Na propia campaña electoral foi evidente o grado de oportunismo con que actúan os nosos políticos: aparcaron o debate sobre o Plan Xeral; PP e BNG porque non lles interesaba, e o PSOE non se sabe moi ben por que, por non molestar aos empresarios?, porque pensan mudar de opinión proximamente sobre el?
A historia recente do concello de Vigo está chea de contrasentidos. O incumprimento dun pacto de goberno co PSOE por parte do BNG abríu as portas da alcaldía ao PP. Despois, a coalición urbanística BNG-PP, coas chamadas forzas vivas ou axentes sociais da cidade ao seu servizo, presentaron á veciñanza un plan de ordenación municipal disparatado por megalómano e irrespectuoso co hábitat. Aprobárono por maioría e pretenderon impoñelo, a pesar das mobilizacións e das numerosas razóns e alegacións presentadas. Agora mesmo, a autoridade competente na materia, a Consellería de Política Territorial considera ilegal boa parte do PXOM vigués. Hai aínda dous días colectivos veciñais avisaban da necesidade de diálogo e de revisión deste plan, reclamación á que, en consecuencia co seu programa electoral, súmase a FPG.
Corina Porro e o PP, amparados polos medios de comunicación locais, deron colocado unha venda propagandística por diante dos ollos de moitos homes e mulleres que esqueceron á hora de votar cal é a realidade das cousas. Claro que o BNG e mais o PSOE puxéronlle en bandexa ao PP o seu triunfo, por ese pasado recente cheo de cousas mal feitas e, tamén, porque as candidaturas que presentaron non eran moi dignas de apoio. Non había mellor candidato no PSOE que Abel Caballero? Non debería o BNG desmarcarse da súa política anterior? Para que dimitiron, logo, Castrillo e Toba?
Corina Porro e o PP estiveron ben tranquilos no seu mandato, non tiveron a penas oposición, non tiveron desgaste, chegaron incólumes e sen problema ningún ás urnas. Non acadaron a maioría absoluta, pero andiveron a rentes.
Agora albíscase un goberno feble, cun auténtico fantasma como alcalde. Renega do idioma galego; pretende deixar a súa pegada para a historia e xa avanzou ideas e gastou milleiros de euros para converter o porto nun parque de atraccións, cando eses cartos habería que gastalos nun completo estudo sobre os usos e necesidades do porto como tal e, se despois diso queda espazo para o turismo e a gastronomía, liberar barreiras e deixar que a xente chegue tranquilamente á beira do seu mar. Que non se lles ocurra ocupar un centímetro cadrado máis do que eles chaman lámina de auga; como confiamos tamén en que o BNG tampouco o acepte, en cumprimento do seu programa electoral.
Débese conformar en Vigo unha alternativa popular, capaz de racionalizar o debate sobre a cidade que queremos, capaz de opinar e de actuar con independencia das opinións da patronal e dos medios de comunicación. Cómpre un esforzo de coordinación e de organización.
Algo máis de fe temos no novo goberno de vilas como Nigrán, Gondomar, Salceda; son gobernos resultado de procesos populares de loita, fartos do caciquismo urbanizador que contan cun amplo apoio dos seus habitantes. De cumprirse o que os novos alcaldes din, ábrese un período democrático, de ampla participación, moi necesario para enfrontar os grandes retos que se presentan, como son o debate e redacción de planos de ordenación territorial. A nova situación, a nova correlación de forzas nestes concellos deberá facilitar o asociacionismo veciñal e a mobilización popular a prol dun mellor medio para vivir. Veremos se no Porriño ou en Baiona se consolidan tamén gobernos progresistas.
Temos en Vigo moitas dúbidas sobre a eficacia e bo facer do novo goberno municipal PSOE-BNG e moito nos tememos que a necesaria planificación da área metropolitana (infraestruturas, transporte, comunicación, …) e o desenvolvemento da Euro-rexión Galicia-Norte de Portugal van sufrir serios atrancos. Oxalá non se repitan os tristes episodios da anterior lexislatura.
Polo que fai referencia á presenza da candidatura da FPG nestes comicios, dicir que se acadaron os obxectivos establecidos. Compelidos a participar en solitario pola ruptura da coalición CIES, era a nosa intención dar a coñecer as nosas siglas, dar un paso máis na nosa consolidación como alternativa política nacionalista de esquerda. Foinos ben difícil rachar co cerco informativo; os medios de comunicación fixeron aínda máis antidemocrático o marco electoral; combatemos en loita desigual. Saímos á rúa, presentamos as nosas ideas e aquelas persoas que o consideraron oportuno votaron por nós. Foron 549. Para estas persoas e para a clase traballadora de Vigo desexamos o mellor.
Saudamos tamén o excelente resultado conseguido en Cangas pola ACE, candidatura unitaria das esquerdas (FPG, EU, InMo, PCPG e independentes); os tres concelleiros electos garanten a existencia nese concello dunha moi clara liña política de defensa dos intereses populares, como xa o fan desde o primeiro día advertindo que Cangas non será gobernado por Abel Caballero.
En síntese, unha valoración positiva dos resultados electorais nesta área de Galicia, cun descenso xeralizado do PP e coa instauración de gobernos progresistas nos que a FPG confía, nuns máis ca noutros, e no que menos, no de Vigo. E de todas as persoas electas reclamamos compromiso, dignidade, democracia e traballar para o pobo, principios que a FPG deberá levar tamén como lema no seu programa de intervención política.


