Temos o pracer de presentar a primeira edición das Xornadas Comunistas organizadas pola Frente Popular Galega (FPG) e a organización da mocidade comunista e independentista Adiante, baixo o lema ¨O FUTURO DO SOCIALISMO EN GALIZA E NO MUNDO¨.
Con estas xornadas de formación tentamos abranguer o conxunto das problemáticas sociais, nacionais e de xénero que configuran as principais frontes de loita do movemento comunista actual.
As xornadas transcorrerán na Casa Galega da Cultura (Edificio da Fundación Fermín Penzol), en Vigo (Praza da Princesa nº 2) durante os días 9, 10 e 11. Os dous primeiros días haberá seis palestras e o terceiro día desenvolverase unha interesantísima mesa redonda na que participarán representantes dos partidos comunistas, ora galegos, ora con actividade política na nosa nación. Nela teremos unha inmellorable ocasión para coñecer as estratexias de construción do socialismo das organizacións políticas participantes.
Queremos, coa organización destas xornadas, contribuír á posta en común de ideas e estratexias, así como á formación marxista da nosa militancia e máis de quen quixer asistir ás charlas. Nun mundo onde o acto mesmo de pensar está considerado pouco menos que un atrevemento, un luxo do que se priva ao pobo, nós propomos un lugar común para o facer, un espazo de pensamento e debate colectivo. Somos conscientes da invisibilización á que o programa revolucionario está sometido na nosa sociedade, así que rachar na medida das nosas posibilidades con ese ocultamento é para nós tamén un obxectivo primordial. Só de sermos capaces de facérmonos escoitar na rúa, no traballo, no centro de ensino, e, tamén, nos auditorios, seremos quen de adherir cada vez máis vontades á construción dunha outra sociedade, dun outro xeito de pensar, de sentir e de actuar sobre o real. Por que a verdade existe e seguirá sempre a ser revolucionaria, a tarefa nosa como militantes comunistas é adquirir o coñecemento preciso para a distinguir entre as falacias e as mentiras do sistema inhumano contra o que nos tocou loitar. Un outro xeito de facer política e de socializármonos non é apenas alternativa, senón necesidade cada vez máis acusada. Velaquí, xa que logo, un pequeno paso adiante nese camiño.
Palestras do mércores 9 de maio ás 18:30h:
A perspectiva da mocidade comunista galega
LAURA SOUSA: Secretaria de Organización de Adiante e estudante de Filoloxía Galega.
Os movementos de esquerdas en Portugal
BRUNO CARVALHO: Xornalista de análise internacional. Segue de perto Venezuela, Cuba, Siria e escribe no blogue político 5Dias. Colabora nun grande número de medios como Gara, Info7, Novas da Galiza, Diário Liberdade, a emisora libre Al son del 23, a emisora do barrio ¨23 de Enero¨ de Caracas e Resumen Latinoamericano.
As revoltas no mundo árabe desde a perspectiva Marxista-Leninista
FAYEZ BADAWI: Embaixador da Fronte Popular para a Liberación de Palestina. Naceu no campamento de refuxiados de Tal Az-Zatar ao leste de Beirut, que foi destruido posteriormente en 1976. Viviu o sanguinario ataque de Ariel Sharon ao campamento de refuxiados de Shatila. Dende entón adícase como militante da organización histórica da esquerda marxista palestina a impartir conferencias de sensibiliación sobre a traxedia que padecen nos territorios ocupados e as causas da opresión Palestina. Actualmente vive na Coruña.
Palestras do xoves 10 de maio ás 18:30h:
A óptica feminista dos procesos revolucionarios
LOLA FERREIRO DÍAZ: Feminista, médica da saúde mental desde unha persepectiva de xénero e profesora do Posgrao de Xénero da Universidade de Vigo.
Comunismo no Século XXI
FRANCISCO SAMPEDRO: Filosofo galego. Doutor en Filosofía e catedrático de Ensino Medio, e autor de ensaio filosófico e crítica literaria e política. A súa tese de doutoramento O imaxinario ideolóxico (1995) parte da ambigüidade e equivocidade do termo ideoloxía, para analizar os dous usos teóricos que comunmente se recoñecen: uso descritivo ou euloxístico, e uso pexorativo, como falsa conciencia. Á análise do concepto de ideoloxía dedicou os seus traballos Alain Badiou: filosofía, ideoloxía e suxeito, A tinta da xibia (sobre Barthes e a teoría marxista da ideoloxía) e Gianni Vattimo: debilidade e ideoloxía.
Traduciu e introduciu as edicións galegas de D’un désastre obscur de Alain Badiou; L’existencialisme est un humanisme de Jean-Paul Sartre, e Robespierre: une politique de la philosophie de Georges Labica.
Ténse ocupado tamén da análise cultural e filosófica da obra de Vicente Risco (O nihilismo do inadaptado) e Rafael Dieste (Sobre a vella pel do mundo). É correspondente en Galicia da revista francesa Multitudes e membro do consello de redacción d’A Trabe de Ouro.
Historia do comunismo arredista galego
XURXO MARTÍNEZ: É autor da biografía ¨Luís Soto. A xeira pola unidade galega¨ (Xerais, 2011). En 2007 publicou ¨Fuco Gómez¨ (AGER). Licenciado en Filoloxía Galega. Está a realizar a tese doutoral sobre o xornal galeguista e provincialista do século XIX ¨La Oliva¨. Publicou diferentes traballos de investigación en Grial, A Trabe de Ouro, Murguía; Revista galega de historia ou Arraianos. É colaborador habitual de medios como Praza Pública, Galicia Confidencial e anteriormente en Vieiros e A Peneira. É o presidente da Asociación Cultural ¨A Nave das ideas¨.
Venres 11 de Maio ás 18:30h:
Mesa redonda cos partidos comunistas UPG, MGS, PCG, EA, PCPG, PCPE e FPG.














